LITERATURA E MÚSICA/

O segredo do pergamiño Vindel: 100 anos de música para as cantigas de Martin Codax

Domingo 7.12, 19.00 h

 

RetratoVindell_7.jpg

Hai agora 100 anos, o libreiro e anticuario Pedro Vindel atopou, cando folleaba un códice do século XIV, que contiña copia manuscrita do tratado de De Officiis de Cicerón, un pergamiño que escondía un escrito en caligrafía gótica. Tratábase da transcrición das sete cantigas de amigo do autor que firmaba, en letras vermellas, no recanto superior esquerdo: o trovador Martin Codax. Se ben o texto das cantigas de Martin Codax era xa coñecido nesa altura, pois foran copiadas en dous cancioneiros italianos, a excepcionalidade do achado estaba no feito de que o pergamiño contiña, ademáis, a notación musical de seis das sete cantigas.

A transcendencia deste feito era múltiple, histórica, filolóxica e literaria pero, fundamentalmente, musical. Se ben se tiña idea de como podía ser a música da lírica galego-portuguesa de carácter relixioso, a través das Cantigas de Santa María do rei Afonso X descoñecíase, por completo, como podía soar a lírica profana. 

Pedro Vindel tiña un grande interese en que o pergamiño non saise da Península e se fixeron xestións para atoparlle comprador mais, nin a Real Academia Galega nin a Biblioteca Nacional de Madrid se fixeron con el, de maneira que o pergamiño acabou en Upsala, Suecia, até que se lle perde o rastro. O pergamiño “reaparece” a finais dos anos setenta do pasado século, cando foi vendido en subasta pública en Londres á Pierpont Morgan Library de Nova York, sen que as institucións españolas nin portuguesas amosaran interese algún polo documento. 

Segundo as teses do investigador Giuseppe Tavani, as sete cantigas forman parte dun macrotexto, un conxunto unitario no que cada unha das sete cantigas forma parte dun discurso narrativo, un “canto da espera decepcionada”, que vai desde a “confiante esperanza” da muller namorada, até a resignación e a desesperanza.

E foi así que, inspiradas pola historia do achado do pergamiño Vindel e as teses de Tavani, nos propuxemos construir, musical e textualmente, un relato que nos adentra no significado máis íntimo dun documento que chegou até os nosos días froito da casulidade e que constitúe un dos monumentos da historia da música e da literatura galega e universal. 

Zanfona, voz, arpas, organetto e o relato dunha narradora son, xa que logo, os ingredientes que adobiarán e acompañarán a historia do que aconteceu co chamado pergamiño Vindel, testemuño da música que acompaña ás sete cantigas do trovador vigués Martín Codax, nun proxecto no que se recrea, a través da palabra e da música, o relato dos misterios, que durante séculos se agocharon nun pergamiño.

Charo Pita, narradora

Belén Bermejo, voz, organetto

Víctor Blanco, arpa e guitarra renacentista

Andres Díaz, arpa e frautas

Ariel Ninas, zanfona, percusión

 

Pres de Cambrai

Este conxunto, de amplo espectro sonoro, enfróntase a un amplo repertorio de épocas e estilos sen pretensións historicistas nin revisións puristas, lonxe de polémicas estilísticas e fieis ao seu gusto ecléctico de persoas do século XXI, para ofrecer recitais en espazos sonoros de acústicas repousadas, para solaz do público bo e xeneroso.

Fundado por Belén Bermejo e Ariel Ninas, o dúo preséntase nos seus diferentes proxectos acompañado por músicos e artistas procedentes do ámbito da música antiga, tradicional e do mundo da oralidade. 

+info: presdecambrai.nos.gl

Charo Pita

Naceu á idade de 6 anos cando rematou de ler o seu primeiro libro. Desde ese día a súa idade foise adaptando ata sentirse contemporánea de todo o mundo.  

Dela non se pode dicir muito, agás que sempre está a medio camiño: nin adulta nin nena, nin gorda nin fraca, nin alta nin baixa, nin loira nin morena, nin india nin vaqueira, nin de aquí nin de alá, unha salvaxe apacíbel, entre o pó da viaxe e a modorra dunha butaca vella.  

Charo ten contado ao longo de toda a xeografía ibérica. Tamén escribiu algún libro, Igor, Desde Arcadia para Govinda, co que gañou o premio Espiral Maior de Poesía ou Estamos no Verán!!!, libro-disco no que colabora Xoán Curiel. Tamén canta co grupo Malandaça, co que ten gravado un disco de cantigas do Rei Afonso X e ten participado en varias montaxes contístico-musicais como o Xuízo da adúltera Filipa ou Miniaturas Medievais co arpista Mauel Vilas.  

E sempre así, unhas veces coa palabra na boca, outras coa música.

 

Data: domingo 7 de decembro.

Hora: 19.00.

Prezo da entrada: 3€ (inclúe un petisco e un viño por cortesía do Salón Filosófico e das adegas Roandi).

Capacidade máxima: 30 persoas.

Inscrición: do 20 de novembro ao 3 de decembro, a través de actividades@salonfilosofico.org indicando nome e apelidos e o número de prazas que se desexan reservar (máx. catro por reserva). A volta de correo recibirás unha confirmación da túa inscrición.

2014 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos