O SALÓN

O Salón Filosófico pretende ser un espazo para a conversa, o debate e o intercambio de ideas, un punto de encontro para a creación, para a presentación e difusión de proxectos, aberto a novos plantexamentos e en continuo desenvolvemento, un lugar no que atopar inspiración e motivación.

Dende aquí pretendemos abrir unha xanela ao espíritu crítico e ao diálogo interdisciplinario e á interconexión entre as ideas e as persoas para conformar un espazo no que atoparmos novas vías para o coñecemento, un foro que, lonxe de provocar distancia entre relatores e ouvintes, se ofreza como un lugar afábel no que se fala, escoita, emociona ou rí entrementres se disfruta dun té, doces ou café. Un recuncho no que se fala e discute en profundidade e en harmonía, na coincidencia e na discrepancia, en definitiva, un espazo para a comunicación e o encontro no que aproveitar o coñecemento e as habilidades doutras persoas ao tempo que compartir as propias.

O LABORATORIO


O Salón pretende, ademáis, servir de laboratorio permanente de ideas para a elaboración de proxectos, a súa materialización e presentación. A interacción entre o espazo e as actividades que nel se vaian desenvolvendo será un elemento esencial, de maneira que o espazo mesmo é algo en transformación, mediante a súa adaptación ás necesidades que van xurdindo e ás situacións que se xeran.

O laboratorio está aberto a persoas, colectivos, profesionais, universitarios e académicos que queiran organizar presentacións públicas, conferencias, obradoiros, seminarios, lecturas, recitais, instalacións, exposicións e presentación de proxectos, ou para o seu uso como espazo de traballo.

O obxectivo é o de sacar do seu contexto habitual e académico estes actos e facelos accesibeis a un espectro de público máis amplo ao tempo que contribuir a fornecer unha cultura de base e alternativa. Un proxecto aberto á comunidade que contribúa a un intercambio cultural e social activo no contexto galego, pensado para persoas ou colectivos que precisen, fundamentalmente, dun espazo de traballo. 

Ademais, o Salón irá desenvolvendo unha programación propia e á medida das dinámicas que se vaian orixiando.

DECLARACIÓN DE INTENCIÓNS

O Salón Filosófico bota a andar sen ningún tipo de apoio financeiro, nin público nin privado. Na súa filosofía non está a idea de desenvolver unha actividade empresarial nin lucrativa, senón de apoio á cultura de base e alternativa. Ainda así, o desenvolvemento dunha programación e o propio mantemento do espazo orixinan uns gastos que se pretenden cubrir a través dos ingresos xenerados pola propia actividade. O Salón Filosófico non pretende fomentar a falsa idea de que o traballo dos axentes culturais pode ser, en esencia, gratuíto, nin de que a cultura pode subsistir a base de voluntarismo. O Salón Filosófico pretende manter unha actividade estable, rigososa e aberta ao tecido cultural galego.

Onde nos atopamos

O Salón filosófico atópase na parcela nº 5 da Urbanización Monte Devesa C.P. 15280, Brión.

Transporte público:

  • Compañía Monbus en dirección Noia, con saída da Estación de Autobuses de Santiago ou do Camiño Novo (Campus Sur) e parada no cruce dos Ánxeles-Gándara, (Brión) - DIARIO.
  • Compañía Monbus dirección cruce dos Ánxeles-Gándara (Brión), con saída da rúa da Rosa - DE LUNS A SÁBADO.
  • Horarios: www.monbus.es

2014 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos